+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

05/04/2013

"O Principiño" cumpre 70 anos.

O Principiño cumpre 70 anos. O 6 de abril de 1943 publicábase  Le Petit Prince de Antoine de Saint-Exupery.
Aínda que poida ser un libro para nenos, é un dos relatos máis lidos da historia da Literatura . Está traducido a ducias de linguas e as súas frases e debuxos enchen postais, láminas, tazas e todo tipo de obxectos susceptibles de ser mercados . 
Con esta obra, o escritor e aviador francés non só creou a historia dun principiño, ademais ideou unha chea de sentencias que serviron e serven para reflexionar e buscarlle o sentido a unha vida que ás veces vai demasiado rápido ou que non acaba de cadrar.
Nos tempos que corren , nos que cada día nos erguemos con novas noticias sobre corruptelas, corruptos, vendidos, homes e mulleres arruinados , familias na miseria, desastres naturais a cotío ,crimes pasionais, explotación infantil, etc, etc ...voltar a ler este relato, saboreando nel, pensando no que di e dialogando mentalmente co neniño que viaxa nas súas páxinas pode supor un exercicio de auténtica hixiene mental.
Saint-Exupéry ben merece unha ollada despois de tantos anos: http://www.antoinedesaintexupery.com/oeuvre

Velaí portadas en diferentes idiomas:

Xaponés
Hindi.
Ruso

Árabe.
Chinés

Blind spot

Xa hai que ter mala sorte...

04/04/2013

Día Internacional de Información sobre o Perigo das Minas.

Foto: Gervasio Sánchez
O 4 de abril foi designado en 2005 pola Asamblea Xeral da ONU como Día Internacional de Información sobre o Perigo das Minas e a Asistencia para as Actividades Relativas ás Minas.
É triste pensar que sexa necesario celebrar este día para chamar a atención sobre o tema ,pero é que hai países, inzados de minas , onde pisar o chan é un risco real .Estes artefactos foron creados para  incapacitar ou matar a quen as pise, trátase de colapsar os servicios médicos inimigos e abofé que o conseguen porque mutilan gravemente  a quen ten a desgraza de pisalas.
Fálase de máis de 110 millóns de minas espalladas por uns 64 países. Cal é o problema principal? Que unha vez rematados os conflitos bélicos as minas sementadas quedan agochadas baixo terra e seguen mutilando e matando  ata 50 anos despois. Por iso, son varias as ONG que se adican a limpar o chan de zonas onde houbo guerras.
Ogallá algún día remate esta celebración, pero aínda teñen que pasar moitos anos para que "morran" as minas que quedan baixo terra ...
Foto: Gervasio Sánchez.

03/04/2013

Había unha vez unha árbore.

Unha curta  na que a árbore é unha metáfora da vida e o paso do tempo. Unha música axeitada, uns debuxos  finos , delicados que van evolucionando de plano en plano nunha danza máxica de imaxinación e poesía. Un traballo do realizador bieloruso Vladimir  Petkevich:

02/04/2013

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Conmemórase o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, un dos máis importantes autores da Literatura para nenos da Historia da Literatura Universal.
Andersen naceu tal día coma hoxe de 1805 na cidade de Odensen (Dinamarca). Ademais de autor de libros para a infancia  tamén son seus varios epigramas e  poemas de tema patriótico, algúns libros de viaxes ( En Suecia, En España), varias novelas ( O.T.; O improvisador) ; algunhas obras de teatro ( O mulato, Os soños dun rei) e unha autobiografía ( A verdadeira historia da miña vida). Pero realmente, se hoxe estamos a falar del é pola súa literatura para o público infantil. Quen de nós non leu algunha vez O traxe novo do emperador, O parruliño feo  ou O soldadiño de chumbo, por exemplo?
Cada ano , un/ha escritor/a encárgase de elaborar unha mensaxe para celebrar este día. Este ano , a responsabilidade recaeu na escritora mexicana Pat Mora,  velaí o seu poema:

"Leemos juntos , tú y yo.
Vemos que las letras forman palabras 
y las palabras se convierten en libros 
que estrechamos en nuestras manos.
Oímos susurros
y ríos bulliciosos en sus páginas,
osos que cantan
graciosas melodías a la luna.
Entramos en misteriosos castillos 
y de nuestras manos suben hasta las nubes
árboles florecidos. Vemos niñas valientes que vuelan
y niños que atrapan las estrellas.
Leemos juntos, tú y yo, dando vueltas y vueltas,
recorriendo el mundo con la alegría en los libros."

01/04/2013

1578: Nace William Harvey.

O 1 de abril de 1578 nacía o médico e fisiólogo inglés William  Harvey ao que se lle atribúe o descubrimento do sistema completo da circulación do sangue. É o autor de Exercicio anatómico sobre o movemento do corazón e o sangue dos animais (1628) e de Sobre a xeneración dos animais (1651).
O seu descubrimento pon de manifesto o papel das válvulas , das aurículas e dos ventrículos nos procesos de succión e bombeo do sangue. Ao principio tivo detractores porque estaban vixentes as teorías de Galeno e tiña moita autoridade.
Grazas aos descubrimentos de Harvey poido idearse a concepción mecanicista dos seres vivos.

Ilustración dun experimento de Harvey.

31/03/2013

Wing it

O mundo avanza grazas aos que perseguen os seus soños...e aos que lles axudan, claro!!