+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

08/06/2013

1903: Nace Marguerite Yourcenar.

O 8 de xuño de 1903 nacía en  Bruxelas a escritora Marguerite Yourcenar. Francesa , de orixe belga, viviu desde 1950 ata a súa morte en 1987 en EE.UU. Ademais de ser unha das máis grandes figuras das letras francesas do século XX tamén será lembrada por ser a primeira muller en  ser elexida membro da Academia francesa.  A súa obra profunda, comprometida, reflexiva e moi persoal céntrase en temas como a homosexualidade,a androxinia, o poder, a procura da verdade universal, a loita entre a racionalidade e a irracionalidade, etc. Entre as súas obras destacan títulos como Memorias de Adriano, Opus Nigrum, O laberinto do mundo...
Podemos ler algún dos seus textos no seguinte enlace: http://www.amediavoz.com/yourcenar.htm

07/06/2013

1843: Morre Hölderlin.


O 7 de xuño  de 1843 morría en Tubina , Württemberg o escritor alemán Johann Christian Friedrich Hölderlin. Clasificado como prerromántico, a súa obra sitúase entre a tolemia e a razón, os dous mundos nos que o poeta pasou a súa vida. Dos seus poemas destacan : Himno á humanidade, Himno ao amor, Ao deus sol, Ganimedes, etc. Tamén é autor dunha novela epistolar, Hiperión e dunha traxedia , A morte de Empédocles  e de diversos ensaios.
Despois de perder a razón con pouco máis de 30 anos, viviu aillado nunha torre e asinaba o que escribía co pseudónimo de Scardarelli.
Tivo que esperar a morrer e que pasaran os anos para que se recoñecera o seu talento.
No seguinte enlace podemos ler algúns dos seus poemas traducidos ao español: http://www.amediavoz.com/holderlin.htm

Álvaro Cunqueiro traduceu ao galego algunha das súas poesías:

O poeta diríxise ás parcas
Concedédeme  outro verán tan soio,
poderosos seres,e outro outono para un canto maduro,
e cheo esteña o corazón do doce xogo, e propicio,
e deica a min a morte veña entón.
A alma, á que en vida o bon dereito
lle foi negado, tampouco repousará acolá no Orco.
Pro si acado o meu poema, que pra min é santo,
benvido me serás, tranquío mundo das tebras.
Aínda que a miña canción non me acompañe
na baixada, contento estarei, que unha vez
vivín como viven os deuses, e ren máis preciso.

06/06/2013

1925: Licénciase a primeira veterinaria en España.

O 6 de xuño de 1925 María Cerrato Rodríguez remataba os seus estudos de veterinaria, convertíase así na primeira muller en acadar a licenciatura de Veterinaria no estado español. Como ocurría con outras titulacións, María tivo que pedir  un permiso especial ao Ministerio de Instrucción Pública porque a carreira estaba prohibida ás mulleres.
María tamén fixo , con nota, as carreiras de Maxisterio,Música e Farmacia. Adicouse profesionalmente á docencia en Calamonte (Badajoz).

05/06/2013

1898: Nace García Lorca.

O 5 de xuño de 1898 nacía Federico García Lorca, un dos máis grandes escritores da lingua española. A súa figura aparece sempre vencellada á Generación del 27. 
Como poeta destaca por amosar o mellor da tradición popular e o máis fermoso da culta. Son seus títulos como Romancero gitano, chea de simbolismo, de tradición,de pasión e de forza;  Poeta en Nueva York ou os seus incribles Seis poemas galegos. Como dramaturgo demostrou ser un xenio. Na súa corta vida deulle tempo a fundar unha compañía teatral ( La Barraca), a imaxinar escenografías, músicas, vestiarios...e a crear algunhas das máis grandes traxedias do teatro español: Yerma, Bodas de Sangre ou La casa de Bernarda Alba entre outras. O seu teatro ten tanta forza que as súas heroínas remataron convertidas en mitos, en símbolos para  a eternidade.
Lorca foi un xenio que morreu  víctima das súas ideas e da intransixencia do fascismo.
Hoxe cumpriría 115 anos!!!
Lembrámolo na voz de Enrique Morente:


04/06/2013

1903: Nace Alexandre Bóveda.

O 4 de xuño  de 1903 nacía en Ourense  Alexandre Bóveda Iglesias, un dos mártires do nacionalismo galego.
No ano 1932 foi elixido membro da Comisión encargada de redactar o Estatuto de Galiza. No ano 1933 entrou a formar parte do Comité de Autonomía. En 1936 participa na campaña electoral como candidato da Fronte Popular por Ourense. O 20 de xullo dese mesmo ano foi detido , din os documentos oficiais por traizón. As súas ideas nacionalistas costáronlle a vida a noite do 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio), deixaba catro fillos e unha muller embarazada dunha neniña. O día do seu asasinato converteuse para Galiza no Día da Galiza Mártir.
A noite do 17 antes de que lle pegaran un tiro , tivo tempo de escribir tres cartas . Aquí reproducimos a do Alexandre pai e esposo, dirixida a Amalia Álvarez, súa dona, á que el chamaba "Choliñas".

«Choliñas, Miña Peque, Vidiña:

Quixera escribirche moito. Mais xa sabes canto puidera decirche.
Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todolos meus encargos.
Eu, almiña, estarei sempre con vós como che prometín.
Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío.
Adeus, Vidiña: Vive para os peques e os vellos, abrázaos, confórtaos. Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos.
Lembrareivos sempre, velarei sempre por vós.
Adeus. Contigo, cos peques, cos vellos todos, estará sempre na lembranza, na máis grande, máis fonda, máis infinda das apertas, o voso,
Xandro.
P.S / Recei contigo».

03/06/2013

1876: Nace Ramón Cabanillas.

O 3 de xuño de 1876 nacía en Fefiñáns (Cambados) o poeta Ramón Cabanillas Enríquez. Un dos poetas do seu tempo máis comprometidos coa loita agrarista e co proxecto das Irmandades da Fala. Asiduo colaborador de A Nosa Terra. Proclamado por moitos como Poeta da Raza, pretendía coa súa obra educar ao pobo e achegalo á causa nacionalista.
Entre a súa produción destacan títulos como Da terra asoballada, as obras dramáticas A man da Santiña ou O Mariscal, os poemarios Na noite estrelada e A rosa de cen follas ou  outros como Antífona da Cantiga, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e tempos idos e Samos.

02/06/2013

1963: Queda abolida a escravitude en Arabia Saudí.

O 2 de xuño de 1963 o príncipe rexente ,Faysal Ibn Abd Al-Aziz, de Arabia Saudita emitía un decreto polo que quedaba abolida a escravitude no seu país. Con esta nova lei ordeaba aos seus súbditos que deixaran de facer traballar aos outros no seu proveito sen pagarlles un xornal. 
Faisal pasou á historia polas súas ideas  reformistas e modernizadoras e tamén pola súa ansia panislamista, anticomunista e antisionista.  Reinou en Arabia Saudita entre 1964 e 1975, cando foi asasinado por seu sobriño , Fasal bin Musa'id. Sucedeuno no trono seu irmán, Jalid bin Abdelaziz.