+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

06/07/2013

1893: Morre Guy de Maupassant.

O 6 de xullo de 1893 morría en París o escritor francés Guy de Maupassant. Foi un escritor de vocación tardía, empezou a escribir aos 30 anos animado por  Flaubert. Máximo  representante do Naturalismo francés, foi un gran narrador.  Fiel aos ditados do movemento naturalista, Maupassant era un gran observador, con gran capacidade para o retrato de personaxes e de ambientes, capaz de retratar cun pouso amargo e despiadado a sociedade pequenoburguesa da súa época. Entre a súa obra sobresaen algúns dos seus contos, entre eles Bola de sebo; as súas novelas Unha vida e Pedro e Xan, Bel ami ou O noso corazón; amén de libros de relatos como  A casa Tellier, Os contos da Bécasse  ou As irmás Rondoli. A mala fortuna fixo que a última década da súa vida a pasara cunha precaria saúde mental, de feito, morreu nun sanatorio psiquiátrico.
A continuación deixo o enlace para ler o texto completo do relato Bola de sebohttp://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/fran/maupassa/bola_de_sebo.htm

05/07/2013

1943: Batalla de Kursk.

Mapa da batalla

O 5 de xullo de 1943 comezaba a batalla de Kursk, a maior loita entre carros blindados da historia bélica. Enfrontaba as tropas alemás e as soviéticas e durou ata o 23 de agosto do mesmo ano. 
Coñécese tamén como  "Operación Ciudadela" porque era o seu nome en clave . Tivo lugar na rexión rusa de Kursk e movilizou a milleiros de homes e de máquinas: fálase de máis de 1.300.000 soldados e máis de 6000 vehículos entre cazas e tanques  só da parte rusa. 
Rematou coa victoria do bando soviético.

04/07/2013

1848: Morre Chateaubriand.

O 4 de xullo de 1848 morría en París François René, vizconde de Chateaubriand. É considerado un dos máximos representantes do Romanticismo francés. Membro dunha familia noble, era contrario á revolución de 1789, polo que se exiliou  en Londres onde viviu ate 1800, alí publicaría a súa  obra Ensaio histórico sobre as revolucións. En 1802 volveu a Francia e publicou O xenio do cristianismo, máis tarde virían René,  Atala ou Os Mártires. Tamén é autor de Memorias de ultratumba e de Vida de Rancé.
Chateaubriand menciona Galicia en dúas ocasións nas súas obras, en ambalasdúas relata un episodio no que seu pai é atacado por ladróns en Galicia. 
Como curiosidade podemos lembrar que Otero Pedrayo mandou que o enterraran cun exemplar de Memorias de ultratumba.
Por último, non podemos rematar sen facer mención ao famoso bisté Chateaubriand,porque foi el o primeiro en servirllo a Napoleón, aínda que o  prato foi invención do seu cociñeiro, Montmirail.

03/07/2013

Kafka cumpre 130 anos.

Frank Kafka naceu en Praga o 3 de xullo de 1883 e morreu en Austria en 1924.
Foi un gran escritor en alemán. A súa literatura , tocada por unha especie de realismo máxico, deixa ver  os seus conflitos internos : as relacións co seu pai, o amor, o odio ao traballo burocrático e a vida do ser humano marcada polo sentimento de culpa e de condena. A maioría da súa obra  foi publicada postumamente polo seu amigo Max Brod. Entre os seus títulos destacan: O proceso, O castelo, América ou A metamorfose, ademais dun gran número de relatos e cartas entre as que destaca Carta ao pai.  
O seu nome deu lugar ao termo kafkiano que alude a algo  absurdo ou carente  de lóxica, que lembra o ambiente das novelas de Kafka; angustioso, estraño, absurdo.
Un relato que non deberiamos  deixar de ler é Carta ao pai, aquí temos o enlace para velo en PDF:
E aquí outro enlace para recordar algunha das súas célebres citas: https://es.wikiquote.org/wiki/Franz_Kafka

Sen dúbida, a mellor maneira de celebrar o seu aniversario é ler algún dos seus libros. Hai onde escoller, non?